- Todos os alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria do Colexio O Grupo participaron nas Xornadas do Mar de Ribeira.
- Unha cita que se centrou en tres talleres onde os protagonistas tiveron a oportunidade de coñecer máis sobre a pesca e os beneficios do peixe para levar a cabo unha alimentación e vida saudable.
- Ademais, as nenas e os nenos gozaron dun “snack” de lirio en tempura.
30 de maio, Ribeira. A Cooperativa Santa Eugenia de Ribeira – OPP 83 organizou, durante esta mañá, a xornada Mar de Ribeira no CEIP O Grupo. Un evento no que participaron todos os alumnos de 5º e 6º da escola e que se centrou en tres talleres principais:
– Entrevista a armador de arrastre da OPP83 a través de preguntas dos nenos, este armador explicou como é o seu día a día e a vida dun armador na actualidade.
– Come peixe. Vive Saudable. A bióloga María Abal brindou unha charla onde deixou en claro as razóns polas cales é importante o consumo do lirio e os beneficios que ten o peixe no noso día a día.
– Campaña publicitaria. onde os máis pequenos debían deseñar e desenvolver unha campaña publicitaria co fin de promocionar o consumo do lirio de Ribeira. Unha cita onde quedou patente a creatividade e o bo facer destes pequenos.
– Desfrutando do peixe. Onde os profesionais da hostalería contaron a estes intrépidos alumnos os segredos das receitas elaboradas con peixe, a protagonista da xornada foi: o lirio. Delicias do mar que estes pequenos puideron degustar co lirio en tempura, todo un éxito de convocatoria onde case todos querían repetir e todos asentiron ao afirmar o rico que estaba o peixe. A algúns lles sorprendeu o moito que lles gustou e outros eran grandes coñecedores da materia prima, pois hai moitos que afirman que comen peixe 3 ou 4 veces por semana.
Unha mañá chea de anécdotas e diversión onde, a través do xogo, os máis pequenos puideron coñecer máis a fondo un dos piares económicos do concello: a pesca, e descubrir tamén todos os beneficios que a día de hoxe ten o peixe para poder realizar unha dieta rica, sa e saudable.
Esta acción, incluída no Plan de Produción e Comercialización (PPyC) anual 2023, ten como obxectivo dar a coñecer a actividade da Cooperativa Santa Uxía de Ribeira – OPP83 e tamén incentivar o consumo de peixe entre os máis pequenos da casa.
