Máis de 100 persoas se deron cita na IV Xornada de Pesca de Ribeira, centrada na sostenibilidade, descarbonización e normativa pesqueira europea
A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira volveu ser o escenario da IV Xornada de Pesca de Ribeira, organizada pola OPP83-Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Eugenia, un encontro xa consolidado que reuniu a expertos, representantes institucionais, profesionais do sector e alumnado arredor dos principais retos da pesca. Más de 100 persoas participaron activamente nesta xornada demostrando o seu compromiso compartido co mar e co futuro da actividade pesqueira: “Un futuro que debe construírse desde a sustentabilidade atendendo á realidade do territorio e coa mirada posta nas novas xeracións”, tal e como resume a xerente da OPP83, María José Casais.
O acto inaugural contou coa participación do alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral; o director xeral de Pesca Sostenible, Ramón de la Figuera; a directora da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, Gloria Santalla Quintana, e a xerente da OPP83. Durante a apertura, destacaron o papel de Ribeira para o sector pesqueiro galego poñendo o foco na necesidade de construír políticas pesqueiras aplicadas desde os principios da sustentabilidade, pero tendo en cuenta a realidade “que afecta os nosos barcos e profesionais”.


Europa marca o rumbo: Pacto Europeo polos Océanos e reforma da Política Pesqueira Común
A xornada abriuse coa visión europea do Pacto polos Océanos co relatorio do asesor político do gabinete do comisario europeo de Pesca e Océanos, Antonio Basanta. O exdirector de Pesca da Xunta de Galicia situou este pacto como elemento principal da acción do comisionado e defendeu a necesidade de protexer e restaurar a saúde dos océanos, colocando Ribeira como exemplo de economía azul. A continuación, Ramón de la Figuera, director xeral de Pesca Sostenible do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, fixo referencia ao momento de vista de España. Apuntou que desde o Goberno central teñen unha “valoración positiva”, pero matizou que son reflexións “pouco concretas”. Nesta liña, insistiu na importancia tanto da pesca artesanal como da industrial e denunciou que se siga falando de sobreexplotación nas pesqueiras, porque é “un discurso viejuno”: “Os recursos pesqueiros xa están ben xestionados e non se valora o suficiente o traballo feito”.
Seguiulle a mesa redonda “Pacto Europeo polos Océanos e reforma da Política Pesqueira Común”, temática analizada pola doutora en Economía, María do Carme García-Negro, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Cándido Rial. García-Negro sinalou que debe apostarse por unha política europea que vaia máis aló de Europa, xa que “só coa perspectiva comunitaria” non se pode mitigar o cambio climático: “De pouco vale”. Do seu lado, Rial defendeu a necesidade de que a política pesqueira decídase escoitando a voz das cooperativas, do sector pesqueiro en xeral, para “asegurarnos de que os que viven do mar cogobernen”.



O mar do futuro: os retos da transición enerxética e a mirada científica ao lirio e outras especies pelágicas
No segundo bloque da xornada retomáronse os debates sobre sustentabilidade con dous eixos fundamentais para o futuro do sector: a descarbonización e o estudo das pesqueiras de lirio e especies pelágicas. Nunha mesa dedicada aos retos da descarbonización, o profesor e investigador de Economía da USC, Gonzalo Rodríguez, fixo alusión aos desafíos económicos do proceso de transición enerxética afirmando que é precisa unha descarbonización xusta e global que non penalice a frotas artesanais locais nin deixe espazo a prácticas desleais no mercado internacional. Pola súa banda, Miguel Núñez, conselleiro de Transportes do MITMA ante a UE, Adrián Sarasquete, xerente de VICUSdt, Juan Andrés Pérez, capitán marítimo de Vilagarcía de Arousa, e Montserrat Espín, responsable do departamento de transporte marítimo de Bureau Veritas, falaron dos aspectos máis técnicos, analizando solucións para reducir a pegada de carbono como melloras nos sistemas de propulsión, combustibles alternativos, optimización de cascos e incorporación de novas tecnoloxías que permitirían avanzar cara a buques máis eficientes.
O último relatorio correu a cargo do investigador do IEO de Vigo, Pablo Carrera, que presentou os últimos avances no estudo da pesqueira de lirio -buque insignia da OPP83, que conta coa súa propia marca LIRIO DE RIBEIRA – e outras especies pelágicas, achegando información clave sobre a súa abundancia e migración, e subliñando a importancia da sustentabilidade na xestión dos recursos mariños.



A voz de Galicia en Europa
Na clausura, a xerente da OPP83 subliñou a importancia de garantir unha pesca sostible, competitiva e resiliente e mostrou a preocupación do sector polo retroceso que supoñería o recorte previsto nos fondos FEMPA. O acto pechouse coas intervencións institucionais do alcalde Luís Pérez e da conselleira do Mar, Marta Villaverde, que destacou o compromiso de Galicia coa innovación, a sustentabilidade e o futuro da actividade pesqueira.
Pérez lembrou que o mar é un sector vital tanto para o municipio como para Galicia co obxectivo de “visibilizar o seu peso en Europa”. Advertiu que a redución de fondos FEMPA pode prexudicar gravemente ao sector, reclamando “máis poder de decisión” e menos incerteza en decisións europeas. Pola súa banda, Villaverde destacou o papel estratéxico de Ribeira, indicando que “é unha localidade moi especial para o sector pesqueiro e un dos portos máis importantes de Europa”. Sobre a proposta de diluír o fondo FEMPA nun fondo único europeo, avisou que supón un risco para Galicia e apelou pola unidade e unha fronte común coas reclamacións de Galicia con “voz propia e forte en Europa”, unha voz que defenda as necesidades dunha comunidade “altamente dependente da actividade pesqueira”.
Como broche final, os asistentes gozaron dunha degustación de produtos pesqueiros da OPP83, mostra do valor engadido e calidade das capturas da frota ribeirense, unha das frotas máis importantes de Europa.



A continuación, compartimos as presentacións de María do Carme García-Negro, Gonzalo Rodríguez, Montserrat Espín, Miguel Núñez, Adrián Sarasquete, Juan Andrés Pérez e Pablo Carrera. ADVERTENCIA: Calquera uso que pretenda facerse da información contida en ditas presentacións debe contar previamente coa autorización expresa dos seus autores.
Presentacion-Pacto-Polos-Oceanos-e-reforma-da-PPC Presentacion-Impacto-Economico-Descarbonizacion Presentacion-Aspectos-Tecnicos-Clave-Descarbonizacion Presentacion-Estudio-Pesquerias-Lirio-y-PelagicosEsta xornada está integrada no PPeC 2025 da OPP83, cofinanciado pola Xunta de Galicia e os fondos FEMPA.
