A IV Ruta Co Lirio volveu converterse nun gran éxito gastronómico na comarca do Barbanza, con arredor de 2.500 tapas de Lirio de Ribeira esgotadas ao longo da xornada, a pesar da choiva.
Desde primeira hora, veciños e visitantes percorreron os 28 bares e restaurantes participantes en Ribeira e A Pobra do Caramiñal para degustar as creacións elaboradas polos hostaleiros, que volveron demostrar a versatilidade culinaria do Lirio de Ribeira, marca colectiva da OPP83. Rebozados, tostas, empanadas, tartares, tacos ou elaboracións innovadoras formaron parte dunha ruta que superou as expectativas iniciais e fixo que algunhas tapas se esgotasen antes da tarde.
Nesta edición, a Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía de Ribeira (OPP83) entregou Lirio de Ribeira fileteado aos locais participantes e repartiu material promocional entre o público (bolsas e calendarios), como parte da súa campaña para fomentar o consumo de peixe local durante todo o ano.
Desde a OPP83 destacouse a extraordinaria resposta do público e a implicación dos establecementos participantes, así como a colaboración dos concellos, da Asociación de Hostalería de Ribeira e da Asociación de Empresarios de Puebla.
A IV Ruta Co Lirio enmárcase no Plan de Produción e Comercialización da OPP83, cofinanciado pola Xunta de Galicia e polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA), e ten como obxectivo dinamizar a hostalería local e promover o consumo de peixe de proximidade.
