A Organización Pesqueira colabora coa entrega gratuita de 500 kg de sardiña e Lirio de Ribeira
A OPP83 – Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía participa un ano máis en GastroMar 2025, a feira gastronómica organizada pola Asociación de Empresarios de Ribeira, reforzando o seu compromiso coa promoción do peixe local, a sustentabilidade e o apoio á frota pesqueira de Ribeira.
Nesta edición, a OPP83 colabora co evento mediante a doazón de 500 quilos de peixe fresco, procedente dos seus barcos asociados: 250 kg de Lirio de Ribeira e 250 kg de sardiña, destinados ás elaboracións gastronómicas ofrecidas na feira.
A entidade estivo presente no acto de presentación e inauguración do evento coa participación de membros do seu Consello Reitor, así como do seu presidente e da súa xerente. Neste acto tamén estiveron presentes a conselleira do Mar e o alcalde de Ribeira, que puxeron en valor a calidade do peixe da OPP83 e a importancia de iniciativas como GastroMar para a promoción do sector.
Ademais, a OPP83 colabora nos showcookings e actividades gastronómicas programadas, nos que se elaboran distintas receitas con peixe da Cooperativa, achegando ao público produtos frescos, saudables e capturados de forma sostible en augas galegas.
A participación en GastroMar forma parte das accións promocionais desenvolvidas pola OPP83 no marco do seu Plan de Produción e Comercialización, cofinanciado pola Xunta de Galicia e polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura.





