Elaborada pola chef Criselda Iglesias
O Lirio de Ribeira, peixe branco de gran calidade e cunha trazabilidade totalmente garantida, corresponde á especie Micromesistius poutassou (código FAO: WHB) e comercialízase cun sistema de dobre etiquetado que permite identificar con claridade a súa orixe, zona de captura, método de pesca e presentación, así como certificar que cumpre cos estándares de calidade e frescura establecidos pola marca colectiva da OPP83.
Ademais de ser un peixe de calidade, frescura e trazabilidade garantidas, é unha auténtica delicia para o padal. Como mostra, compartimos a receita elaborada pola chef Criselda Iglesias durante a nosa participación en Salimat. Bon apetit!
Ingredientes
- Lirio de Ribeira
- Vinagre de mazá
- Vinagre de arroz
- Vinagre de D.O. Ribeiro
- Pemento verde, pemento vermello e pemento amarelo
- Cebola
- Azucre moreno
- Sal en escamas
- Limón
- Pementa
Preparación
- Asar o Lirio de Ribeira no forno ou na brasa, enteiro e sen tripa.
- Unha vez cociñado, deslomar e retirar as espiñas. Engadir un chorriño de aceite de oliva e salpimentar.
- Picar as verduras e aderezalas cunha mestura dos tres vinagres, o zume de limón e o azucre moreno. Salpimentar.
- Unir o peixe co encurtido de verduriñas e deixar repousar antes de servir.
Suxestión de presentación
No momento do empratado pódese engadir ovo cocido relado e algunha herba aromática ao gusto, potenciando aínda máis a frescura do prato.
Esta publicación divulgativa forma parte da medida de comunicación da OPP83, contemplada no seu PPyC 2025. O Plan de Produción e Comercialización da Cooperativa Santa Eugenia de Ribeira conta co financiamento da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).

