A Cooperativa Santa Uxía de Ribeira, comprometida coa saúde e seguridade dos profesionais do mar, celebrou durante a mañá deste xoves unha xornada formativa dirixida a frota de cerco e arrastre de litoral sobre a prevención de riscos laborais e seguridade a bordo. A acción, impartida pola Asociación Mar Seguro, contou coa participación de 23 mariñeiros e armadores integrados na Organización de Produtores Pesqueiros de Ribeira (OPP83).
A OPP83 é consciente do perigo do entorno e dos riscos que entraña o traballo no mar, polo que cada ano realiza este tipo de actuacións coa finalidade de garantir a seguridade e mellora do benestar dos profesionais. Debido á revisión periódica dos protocolos de actuación para a prevención de riscos a bordo de barcos de pesca e a posible chegada de novas persoas ás tripulacións das nosas frotas, a celebración anual desta formación é indispensable para asegurar a aprendizaxe actualizada, completa e específica para a prevención de riscos laborais, contribuíndo a mellorar a saúde laboral, a seguridade no manexo de aparellos de pesca e o uso correcto e mantemento de equipos de protección.
Nesta edición, a xornada estivo centrada na actualización da avaliación e prevención de riscos a bordo dos buques de pesca; as actualizacións normativas en materia de lexislación e NTPs, e de obrigas en formación e información; os controis das administracións públicas nos buques de pesca a través das inspeccións e certificados, así como o esclarecemento dos puntos críticos do cumprimento normativo; a análise dos últimos accidentes laborais e sinistros marítimos; e unha serie de recomendacións xerais co fin de aplicar melloras preventivas e actualizar a formación.
Mar Seguro alertou sobre as causas de accidente máis comúns a bordo e da necesidade do uso correcto dos equipos de protección, sempre tendo en conta as últimas actualizacións nos protocolos. Entre as recomendacións, indicouse a obrigatoriedade de incorporar ao botiquín test de antíxenos SARS-CoV-19 ou torniquetes de compresión hemostático; e detallouse a novidade, pendente aínda de publicación, do uso obrigatorio de chalecos salvavidas en cuberta.
A formación “A prevención de riscos laborais nas artes do cerco e arrastre de litoral” está integrada no Plan de Produción e Comercialización (PPeC) de 2024 da OPP83, e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA).
