Unha receita fresca, lixeira e chea de sabor a mar, na que o Lirio de Ribeira se combina co toque doce do tomate, a intensidade da cebola encurtida e un aliño suave de AOVE e soia. Unha forma diferente e deliciosa de gozar dun peixe versátil, saboroso e con identidade propia.
Ingredientes
- 1.000 g de filetes de Lirio de Ribeira
- 200 g de tomates cherry Kumato
- 150 g de cebola vermella encurtida
- 75 g de cebola doce
- 75 g de pemento verde
- 100 g de AOVE (aceite de oliva virxe extra)
- 15 g de salsa de soia
Para encurtir a cebola vermella
- 200 g de vinagre
- 200 g de auga
- 10 g de sal
- 36 g de azucre moreno
Elaboración
Comezamos limpando e lavando ben todas as verduras. Deixámolas escorrer ata que estean ben secas.
Preparamos a cebola vermella encurtida
Nun cazo poñemos o vinagre, a auga, o sal e o azucre moreno, e levamos a mestura a ebulición.
Mentres tanto, cortamos a cebola vermella en xuliana fina e colocámola nun recipiente. Cando o líquido comece a ferver, vertémolo directamente sobre a cebola.
Deixamos temperar e, unha vez fría, reservamos na neveira para que colla todo o sabor do encurtido.
Cociñamos o Lirio de Ribeira
Limpamos e retiramos coidadosamente as espiñas dos filetes de Lirio de Ribeira. Lavámolos e deixámolos escorrer.
Poñemos abundante auga a ferver e imos incorporando os filetes sen amorealos. Cocemos durante aproximadamente 2 ou 3 minutos, dependendo do seu tamaño.
Unha vez cocidos, retirámolos e introducímolos inmediatamente nun recipiente con auga e xeo. Deste xeito, cortamos rapidamente a cocción e conseguimos que o peixe conserve unha textura tenra e suculenta.
Escorremos e reservamos en frío.
Preparamos o aliño
Trituramos a cebola doce e o pemento verde coa axuda dunha batedora ata obter unha mestura fina.
Pasámola por un coador para retirar o exceso de líquido.
A continuación, volvemos incorporar a cebola e o pemento escorridos ao vaso da batedora, engadimos o AOVE e a salsa de soia e emulsionamos ata conseguir un aliño homoxéneo.
Reservamos.
Mentres tanto, cortamos os tomates cherry Kumato en catro cuarteiróns.
Montaxe
Cortamos o Lirio de Ribeira en porcións dun tamaño semellante ao dos cuarteiróns de tomate cherry.
Colocamos o peixe e o tomate nun recipiente individual e engadimos unha cullerada xenerosa do aliño. Mesturamos suavemente para integrar todos os sabores sen desfacer o peixe.
Rematamos coroando o prato coa cebola vermella encurtida.
Fresco, saboroso e con todo o carácter do mar de Ribeira.
Bo proveito!
