O Lirio de Ribeira é un peixe branco de gran calidade, apreciado polo seu sabor suave, a súa textura tenra e a súa versatilidade na cociña. Ademais, destaca polo seu alto valor proteico, o seu baixo contido en graxa e o seu aporte de vitaminas e minerais esenciais, converténdose nunha opción saudable e equilibrada para toda a familia.
Outra das grandes garantías do Lirio de Ribeira é a súa trazabilidade. Grazas á información da súa etiquetaxe, o consumidor pode coñecer datos como a súa zona de captura, a orixe do produto e o método de pesca empregado, asegurando así a frescura, a calidade e o compromiso coa pesca responsable e de proximidade.
Nesta ocasión, Chicolino proponnos unha receita divertida e chea de sabor: un Fish&Chips de Lirio de Ribeira acompañado de salsa holandesa de mostaza e mel de Galicia e cremoso de chícharos. Unha forma diferente de gozar do peixe e conquistar tamén o padal dos máis pequenos da casa.
Ingredientes
Para o peixe
- 1000 g de filetes de Lirio de Ribeira limpos de pel e espiñas
- Sal
- Pementa negra
- 400 g de fariña de garavanzo sen glute
- 50 g de amidón de millo sen glute
- 10 g de lévedo químico
- 500 ml de cervexa sen glute ben fría
- 10 g de sal
- Aceite vexetal para fritir
Para a salsa holandesa
- 8 xemas de ovo L
- 400 g de manteiga
- 30 g de mostaza antiga
- 30 g de viño Albariño
- 40 g de mel de Galicia
Para o cremoso de chícharos
- 400 g de chícharos
- 50 g de AOVE
- 8 follas de alfábega fresca
- 2 g de sal iodado
Outros ingredientes
- Pataca palla
- Ceboliño picado
Elaboración
Fish&Chips de Lirio de Ribeira
Cortamos os filetes de Lirio de Ribeira en tiras, salpementamos e reservamos en frío.
Para a masa orly, mesturamos a fariña de garavanzo, o amidón, o lévedo e o sal. Engadimos a cervexa moi fría pouco a pouco ata conseguir unha mestura homoxénea.
Quentamos o aceite a 165 ºC, pasamos o peixe pola masa e fritimos ata conseguir un acabado dourado e crocante.
Cremoso de chícharos
Escaldamos os chícharos en auga fervendo durante 5 minutos e arrefríamos en auga con xeo. Repetimos o proceso coa alfábega durante 30 segundos. Trituramos todo xunto co AOVE e o sal ata conseguir unha textura cremosa e reservamos en frío.
Salsa holandesa
Clarificamos a manteiga retirando o soro. Batemos as xemas xunto coa mostaza, o Albariño e o mel ata que aumenten de volume. Engadimos pouco a pouco a manteiga clarificada sen deixar de bater ata obter unha salsa cremosa.
Empratado
Nun recipiente colocamos unha base de pataca palla, engadimos o peixe frito e acompañamos cun toque de salsa holandesa e cremoso de chícharos. Rematamos cun pouco de ceboliño picado por enriba.
Unha receita perfecta para desfrutar do sabor do mar dunha maneira divertida, saborosa e ideal para compartir en familia.
Esta acción informativa da OPP83 está incluida no seu Plan de Produción e Comercializaicón de 2026 e conta coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o FEMPA.
